Sunday 05 de May de 2024

Campaña para a valoración auditiva e a compra de audiófonos


 

O Departamento de Servizos Sociais da Mancomunidade de Ordes informa sobre o programa desenvolvido pola Obra Social Fundación Amplifón

O Departamento de Servizos Sociais da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes pon en coñecemento da veciñanza a posta en marcha dun programa de axudas dirixido ás persoas con problemas auditivos.
Desenvolvido pola Obra Social da Fundación Amplifón o dito programa vai dirixido aos colectivos máis desfavorecidos e inclúe servizos como o estudo auditivo de balde, subvención de ata o 75% na adquisición de audiófonos, asesoramento e xestión de axudas, doazón de audiófonos e adaptacións infantís. As principais beneficiarias son persoas con problemas auditivos e dificultades económicas, con rendas per cápita inferiores aos 700 €.
Para pedir consulta nalgún dos gabinetes Amplifón deberán solicitar cita previa e facerse coa respectiva folla de derivación que facilitará a traballadora social (baixos da alameda de Ordes). No caso da comarca ordense os gabinetes máis próximos sitúanse nas cidades da Coruña e Santiago de Compostela.
Con isto Obra Social Fundación Amplifón quere contribuír na mellora da calidade de vida das persoas con problemas auditivos, para que volvan ser plenamente activas e recuperen unha comunicación satisfactoria. Para acadar este obxectivo conta co traballo conxunto de distintos perfís de profesionais como traballadores sociais, educadores, orientadores, audioprotesistas etc.